Novas Xeracións renova presidente local e rende homenaxe póstuma a Pablo Carollo
Por Redacción
O congreso local de Novas Xeracións do PP de Pontevedra serviu este sábado para ratificar ao seu novo presidente, Guillermo Juncal, único candidato no proceso de renovación da agrupación, pero tamén para render homenaxe a Pablo Carollo, ex presidente provincial de Novas Xeracións falecido o pasado mes de abril.
O novo responsable local destacou que a organización "sempre estará en débeda coa súa persoa" e anunciou que propoñerá que Carollo sexa presidente de honra da organización xuvenil do PP como homenaxe á persoa á que asegura que debe "todo oque son en política".
Juncal asumiu a presidencia este sábado nun acto na sede provincial do partido cunha nutrida asistencia de integrantes de Novas Xeracións, pero tamén cargos do Partido Popular, como o presidente local, Rafa Domínguez; o seu antecesor no cargo, Jacobo Moreira; a deputada no Congreso Pilar Rojo; ou os concelleiros de Pontevedra María José Rodríguez Teso, Aurora Cañizares e César Abal. Tampouco faltaron os presidentes autonómico e provincial da agrupación xuvenil, Adrián Pardo e Ana Cristina Pérez.
No seu primeiro discurso como novo presidente, Juncal arengó a todos os asistentes asegurándolles que empeza un proceso de meses de duro traballo que terá como resultado un cambio de signo político en Pontevedra, con Rafa Domínguez como novo alcalde.
"Vai ser un camiño longo, duro e que requirirá do esforzo de todos, pero se todos sumamos, lograremos que Rafa Domínguez sexa o próximo alcalde", asegurou, tras mandar unha mensaxe aos pontevedres e ao BNG insistindo en que teñen "a maquinaria en marcha" e o PP vai gañar as eleccións municipais do 2019.
Dentro das mensaxes enviadas ao grupo de goberno do BNG, Juncal insistiu en que os mozos de Pontevedra "non merecemos a un alcalde que nos obriga a marcharnos e ter que deixar a nosa cidade se queremos atopar un traballo" e en que nas próximas eleccións municipais de 2019 o municipio ten unha "oportunidade histórica" de ter un alcalde que "goberne para todos, sen diferenzas". Respecto diso, insistiu en que para Novas Xeracións e o PP "é tan pontevedrés o que vive en Benito Corbal como o que vive en Salcedo, Xeve ou Marcón".
A nivel interno, este sábado tamén se renovou o resto do comité executivo de Novas Xeracións, un equipo de 18 persoas no que a secretaria xeral será Laura Gallego. Daniel Estévez, Seila Varela, Jorge Couto, Dolores Puga, Adrián Pérez, Paula Losada, Julio Guimeráns, Alejandro Montojo, Alejandra Portas, Javier Pacheco, Raquel Lorenzo, Cesáreo Belsol, María Froiján, Álvaro González, Juan Casais, Juan Abeigón e Felipe Alfaya completan o comité.
Rafa Domínguez pechou o acto pedindo a Juncal tres cosas para esta nova etapa "sinceridade, ideas e compromiso" e lembrando que cando o pasado verán decidiu dar o salto de presentarse pa presidir o PP local fíxoo pensando en mozos como os presentes neste acto, pois "poder quedarvos na vosa casa, en Pontevedra, xunto ás vosas familias e amigos, resulta unha tarefa complicada porque aquí non hai opcións". Comprometeuse a traballar para que iso cambie.