A Deputación colabora con UNICEF para axudar aos afectados polo terremoto de Indonesia
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra colaborará coa ONGD Unicef para garantir a protección e saúde dos nenos e familias afectados polo terremoto e tsunami na illa de Célebes, en Indonesia.
Segundo deu a coñecer a través dun comunicado, o goberno provincial acaba de aprobar unha subvención por valor de 10.000 euros destinada ao Comité de Galicia de Unicef para cooperación internacional e axuda humanitaria.
En concreto, a aportación da Deputación vai na liña das accións humanitarias que a organización está a impulsar para atender á poboación afectada polo terremoto orixinado o 28 de setembro en Sulawesi, na illa indonesia de Célebes, que provocou á súa vez un tsunami con graves consecuencias.
O balance xeral dese desastre natural eleva a 1.407 as persoas falecidas, máis de 2.555 feridas, 113 persoas desaparecidas e 66.000 casas afectadas que ocasionaron que haxa ata 71.000 persoas desprazadas e outras 330.000 carezan de refuxio axeitado.
A Deputación de Pontevedra destinou xa a Unicef outros 22.500 euros para desenvolver un proxecto para distribuír material educativo entre a infancia de Siria en 2017 e outro programa que permitiu a esta ONGD promover o acceso á saúde da infancia siria.