Cativos de Pontevedra coñecen como funciona o servizo de emerxencias do 112 Galicia
Por Redacción
Con tan só cinco anos, os alumnos do colexio Sagrado Corazón de Praceres visitaron as instalacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia co fin de coñecer o funcionamento do servizo de atención e tratamento das emerxencias.
Así, dunha forma lúdica e didáctica, os rapaces recibiron algunhas indicacións para saber como actuar no caso de atoparse nunha situación de risco.
Con esta actividade preténdese concienciar aos máis novos sobre a importancia de facer un uso responsable do servizo, xa que as persoas usuarias son a primeira peza da cadea de atención telefónica das emerxencias.
Ademais, os 50 participantes e as súas mestras tiveron a oportunidade de coñecer os recursos cos que conta a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA).
A visita ao 112 e ao hangar da AXEGA permitiu aos cativos ser testemuñas da aprendizaxe de luces e sons dos vehículos que son prioritarios á hora de calquera intervención nas estradas en situación de risco.
Tamén tiveron oportunidade de obter pequenas nocións do traballo da Unidade Operativa de Drons, destinada a actuar en situacións de emerxencia e seguridade.