Rematan os arranxos nos parques infantís da Alameda e o Paseo Antonio Blanco
Por Redacción
O Concello de Marín informou que xa están rematados os arranxos no parque infantil da Alameda que mantivo pechada esta instalación durante varios días.
Os traballos consistiron na substitución de asentos, desmonte, lixado e tratamento de madeira en varios elementos, cambio de redes de escalada, volantes, tornilleria e cordas, ademais de substitución de pezas nos equipos combinado de tobogán e labirinto e pintado de elementos.
Tamén se acometeron melloras no parque do paseo Alcalde Antonio Blanco. Concretamente reparouse o xiratorio e a tirolina así como o balancín e o valo que foran obxecto de actos vandálicos, quedando pendentes varias reparacións como o chan ata que o tempo mellore.
Outros parques do municipio tamén foron revisados e reparados.
ASCENSOR MUSEO MANUEL TORRES
Ademais, este venres tivo lugar no Concello de Marín unha reunión do concelleiro de Urbanismo e a concelleira de Benestar Social coa xunta dos propietarios do edificio que acolle o Museo Manuel Torres para poñelos ao día de todos os pasos dados e dos informes técnicos municipais para instalar un ascensor.
Decidiuse convocar unha nova xuntanza para chegar a acordos e que o ascensor do Museo sexa unha realidade.