Arquivan a causa xudicial que investigaba a Louzán polo aluguer dos baixos de Navia
Por Natalia Puga
O ex presidente da Deputación e do PP de Pontevedra, Rafael Louzán Abal, non sentará no banco dos acusados polo presunto delito de suborno impropio polo que levaba sendo investigado preto de cinco anos polos supostos sobrecustos nos alugueres de tres baixos e a zona de Navia, en Vigo.
A Audiencia Provincial ditou o arquivo da causa xudicial que se seguía contra el; a súa esposa, Teresa Cores Fernández; e o ex deputado do PP por Pazos de Borbén Severino Reguera Varela. Faio a través dun auto contra o que aínda cabe posibilidade de recuerso, pero que previsiblemente xa é firme porque tan só cabería a posibilidade de que recorrese a Fiscalía, parte acusatorio no inicio do procedemento, pero que xa días atrás retirou a acusación.
Este arquivo chega despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ditase unha resolución que desinflaba a carga acusatoria nesta causa. Por mor do recursos presentados polas defensas dos tres investigados, o Alto Tribunal decretou a continuación do procedemento xudicial da causa mantendo os feitos polos que xa se decretou a apertura de xuízo oral, pero baleirando de contido a acusación da Fiscalía de Pontevedra ao anular as probas derivadas das dilixencias de investigación do ministerio público.
Tras ese auto do TSXG, a Fiscalía comunicou á Audiencia que retiraba a acusación ante a "imposibilidade de utilizar as probas de cargo". Segundo o fiscal do caso, Augustó Santaló, coa decisión de que anular as súas dilixencias desposúeselle da "bagaxe probatoria obtida coa instrución", privándolle desta forma de "acudir ao xuízo cunha proba suficiente para enervar a presunción de inocencia".
Retirando o fiscal a acusación contra os acusados, a Audiencia optou polo arquivo da causa. Rafael Louzán estaba investigagdo por un delito continuado de suborno impropio; a súa esposa por suborno impropio; e Severino Reguera por un delito continuado de suborno pasivo.
Os feitos dos que se lle acusaba teñen a súa orixe no ano 2008, cando Louzán e Teresa Cores reservaron cinco locais na rúa Teixugueiras de Vigo e finalmente compraron tres por 460.122,5 euros e cederon a compra dos outros dous a Severino Reguera e a súa esposa. Para realizar a entrega inicial de diñeiro á empresa que lles vendeu os baixos, Severino Reguera prestoulles 103.748,42 euros.
O fiscal concluía que Louzán e a súa esposa compraron os baixos sabendo desde o principio que o prezo de compra e a hipoteca ían ser pagados pola empresa dunha persoa que tamén exerce cargo político na Deputación e no PP e cuxa proxección económica depende de Louzán. Na súa opinión, tratábase dun "trato de favor" de Severino Reguera a quen entón era presidente da Deputación e do seu partido froito dunha operación de compra inmobiliaria que "se planeou entre os señores Reguera e Louzán e a súa esposa". Agora retira todas as sospeitas.