Un home recibe unha coitelada ao tentar evitar unha agresión machista
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un home de 40 anos resultou ferido na madrugada deste venres tras tentar evitar un episodio de violencia de xénero e recibir unha coitelada do home da discusión.
Os feitos ocorreron sobre as 6.30 horas da madrugada na coñecida como zona TIR de Vilagarcía de Arousa. O home regresaba a coller o coche tras unha noite de marcha e, na área de aparcadoiro, presenciou un enfrontamento entre un home e unha muller, de modo que decidiu intervir para evitar a agresión á moza.
Nese momento, a súa intervención non foi ben recibida polo home que agredía á súa parella, que sacou un coitelo e cravoullo na perna. A continuación, o agresor abandonou o lugar.
O agredido acudiu polo seu propio pé ao centro de saúde de San Roque de Vilagarcía de Arousa e foi o persoal sanitario o que alertou á Policía Nacional. Unha patrulla da Comisaría de Vilagarcía acudiu ata o lugar e abriuse unha investigación para tentar localizar ao agresor.
A vítima achegou aos policías unha descrición do seu agresor que axudará aos investigadores para dar con el.
Tras recibir unha primeira asistencia no centro de saúde de San Roque, o agredido foi trasladado ao Hospital do Salnés. Fontes da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés confirmaron que o home xa recibiu o alta tras tras evolucionar favorablemente da agresión con arma branca e non presentar gravidade a súa situación vital.