A biblioteca proxecta o documental 'O lado escuro do carbón', producido por Greenpeace
Por Redacción
Médicos, ex traballadores nas minas, asociacións veciñais e activistas explican no documental 'O lado escuro do carbón, as voces silenciadas' as consecuencias da queima e produción do carbón.
Neste traballo recóllense os impactos ambientais, sociais e na saúde da poboación a través dos comentarios e experiencias de persoas localizadas en distintos puntos da xeografía peninsular onde se explotou carbón como recurso.
Este documental, producido polo colectivo Greenpeace, pode verse este venres 9, ás 19.45 horas, no salón de actos da Biblioteca Pública de Pontevedra, situada na rúa Alfonso XIII.
O traballo amosa as consecuencias de convivir cun combustible fósil como é o carbón. Esta actividade é promovida pola plataforma 'Galicia, un futuro sen carbón', que ten previsto desenvolver, tras a proxección, un coloquio para tratar o tema entre as persoas que asistan.
A entrada é libre ata completar a capacidade do recinto.