Poio celebra o San Martiño poñendo boa cara ao mal tempo
Por Redacción
O Concello de Poio afronta esta fin de semana do San Martiño poñendo ao mal tempo, boa cara, isto é con música, teatro e magosto popular.
A axenda cultural deste municipio comeza este venres coas festas na honra ao santo cun gran magosto, amenizado pola Orquesta Pontevedra e o Trío Azabache, no que se repartirán preto de 200 quilos de castañas asadas e viño, todo de balde.
Alboradas, oficios relixiosos, teatro familiar e moita música, conforman o programa destas festas, que finalizarán o domingo cunha chocolatada a ritmo da Orquesta Marbella. Un concerto da Escola de Acordeóns de Campelo e a representación de "A língua de contrabando" de Limiar Teatro completan a programación desta xornada.
Ademais, a comunidade de montes de Combarro acollerá unha nova sesión do Poio Escena. Teatro Airiños atrévese cunha adaptación da famosísima obra de Shakespeare "Romeo y Julieta", en clave de comedía, xénero no que mellor se desenvolve esta compañía. Será o domingo ás 18:00 horas, organizada pola ACDeM Armadiña.