Un programa feito "por e para o alumnado". Ese espírito non cambia na quinta tempada do programa Radio Escaparate, realizado semanalmente por un grupo de alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
Un equipo formado por trinta persoas, seis delas xa integrantes do programa na tempada anterior, está á fronte deste magazine radiofónico que, todos os mércores ás 20.00 horas, difunde PontevedraViva Radio.
A nova directora do programa, Noelia Fontecoba, explica que para eles é una oportunidade de coñecer máis como é a radio por dentro, "que é un medio que nos chama moito a atención á xente nova hoxe en día".
Con Nuria Blanco e Cristina Rocha como presentadoras, ás que se suman os responsables das diferentes seccións do programa, o equipo integrado por estudantes dos graos en Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual complétase con tres técnicos, outras tres persoas responsables das tarefas de produción e o equipo responsable da xestión de redes sociais e da xeración de contidos para estas.
Unha das novidades desta quinta tempada será a posta en marcha dunha canle de Youtube, na que proxectan ampliar a través de diferentes vídeos "os contidos que imos subindo ás redes sociais, como un resumo dos mellores momentos", explica Fontecoba.
Se ben o programa iniciou etapa cun equipo renovado, fíxoo tamén mantendo o esquema de tempadas anteriores, cunha entrevista principal pola que pasaron, nos dous programas emitidos ata o de agora a influencer Rebeca Stones e o músico e locutor DJ Charlie.
A isto súmanse seccións como Falar de rúa, na que un locutor realiza unha serie de preguntas de cultura xeral á xente de Pontevedra, ou Chíos e cancelos, dedicada ás noticias máis comentadas nas redes sociais.
Entre os contidos do programa figura tamén un apartado dedicado á axenda, na que se da conta das diferentes actividades previstas no campus; a sección Posdata, na que tres estudantes falan de arte e comentan noticias menos coñecidas e un apartado no que dous estudantes de Comunicación Audiovisual abordan as estreas cinematográficas.