Bueu xa ten as obras gañadoras do XVI concurso de carteis contra a violencia de xénero
Por Redacción
O Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello de Bueu escollía nas últimas horas as obras gañadoras do XVI Concurso de cartelería contra a violencia de xénero, ao que concorren anualmente estudantes dos centros educativos de primaria, ESO e Bacharelato.
A concelleira de Igualdade, Ana Isabel Otero; Montserrat González, directora do CIM ademais do deseñador gráfico Iago Comedeiro conformaban un xurado que tivo que analizar os 195 carteis que se presentaron a esta edición.
O primeiro premio de primaria foi a mans de Ana Adriana Maio, de quinto de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra. Hugo Freire, de terceiro da ESO do IES Johán Carballeira, obtivo o primeiro premio da ESO e o seu cartel foi seleccionado para a campaña de ámbito local para anunciar os actos do próximo 25-N. Antía Novas, do IES Illa de Ons, tamén obtivo o primeiro premio da ESO. Ademais, outros sete escolares recibiron mencións especiais.
A entrega de premios celebrarase o próximo 23 de novembro con motivo dos actos institucionais que se realizaron con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Para esa data está prevista unha concentración en memoria das vítimas na Alameda, na que se gardará un minuto de silencio para rexeitar calquera acto de violencia, e en especial a que se comete contra as mulleres. O Centro Social do Mar acollerá unha declaración conmemorativa a cargo do alumnado do CPR Virxe Milagrosa.
Tamén está prevista a proxección da película 'Lady Macbeth' o 16 de novembro ás 21.00 horas no Centro Social do Mar, coa colaboración do Cineclub Bueu.
Ademais, está previsto levar a cabo entre os comercios da vila unha campaña baixo o título 'Bueu en negro contra as violencias', na que primarán imaxes con esta cor nos escaparates.