Melloran a seguridade viaria da recta de Pazos en Ponte Caldelas

Por Redacción
O xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez, visitou o concello de Ponte Caldelas para analizar co alcalde do municipio, Perfecto Rodríguez, as actuacións complementarias que se están a executar na recta de Pazos.
Estas obras complementarias, que xa se atopan en execución, supoñen a reposición de servizos, o que permitirá ampliar a rede de sumidoiros, así como mellorar a seguridade viaria en toda esta zona da travesía de Ponte Caldelas, onde se atopan instalados varios talleres e empresas.
Esta travesía contará tamén con sendas peonís a ambos marxes da calzada e unha nova beirarrúa pola marxe dereita da calzada. As sendas terán dous metros de ancho. A beirarrúa se executará con bordillo prefabricado e lousa e terá un metro e medio de ancho.
Para o rexedor do municipio, estas obras "supoñen unha importante mellora tanto en relación á circulación como tamén en relación aos servizos e na seguridade viaria", asegurou Perfecto Rodríguez, quen fixo especial referencia a execución, dentro deste paquete de obras complementarias, á construción de catro pasos de peóns elevados tanto na rúa José López Boullosa como na rúa da Ponte.
José Luis Díez, pola súa banda, engadiu que no proxecto tamén se contempla a construción da ampliación da calzada para a reposición dunha parada de bus de xeito que esta quede fora do carril de circulación "e se gañe así en seguridade para os usuarios deste transporte".
Tanto o rexedor como o xefe territorial destacaron, finalmente, o compromiso do departamento autonómico coa execución dunha senda peonil na antiga estrada de Forzáns.