Sanxenxo presenta un orzamento de 39,6 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
O goberno bipartito (PP e SAL) do Concello de Sanxenxo presentou un orzamento de 39,6 millóns de euros, que inclúe 3 millóns de investimentos sen recorrer a endebedamento.
O goberno entregou este mércores na Xunta de Portavoces a documentación do orzamento de 2019. A próxima semana celebrarase unha Comisión de Facenda e uns días despois o pleno para a aprobación inicial.
É o terceiro orzamento que presenta este goberno en 17 meses e faino "en tempo e forma" para que poida estar operativo o 1 de xaneiro de 2019, como esixe a Lei de Réxime Local.
Desde o goberno local valoraron que "fronte aos prognósticos catastrofistas que algúns partidos lanzaron anos atrás, os datos avalan que Sanxenxo alcanzou unha estabilidade e un nivel de saúde económica" que, segundo apuntaron, permítelle, por unha banda, reducir un 20% o IBI neste mandato, baixándoo ao mínimo legal 0,40%. E, doutra banda, destinar 3 millóns de euros a investimentos en 2019 "sen ter que recorrer para iso a ningún endebedamento", destacaron.
Ao contrario, durante o 2018 Sanxenxo amortizará 2,2 millóns de euros de débeda o que deixa o total do endebedamento en menos de 3,8 millóns, que representa menos do 25% dos recursos ordinarios, é dicir 50 puntos por baixo do que permite a Lei de Estabilidade Orzamentaria.
Unha novidade destacada este ano é que Turismo de Sanxenxo asume a xestión de todos os servizos e o persoal da tempada alta, incluíndo praias e reforzos de limpeza, partidas e recursos que ata agora incluíanse no orzamento de Terra.