Requisan 1.600 quilos de sardiña nun control na peaxe da AP-9 en Vilaboa
Por Redacción
Novo golpe á comercialización ilegal de produtos pesqueiros. Axentes do servizo de Gardacostas de Galicia e da Garda Civil de Tráfico requisaron 1.600 quilos de sardiña que estaban a ser transportados en furgoneta pola autoestrada AP-9.
O peixe foi interceptado nun control situado na peaxe de Vilaboa. As autoridades tamén requisaron a furgoneta.
Os axentes incautaron o produto debido a que carecía da documentación esixida para acreditar a súa procedencia e unha vez constatado que era apto para o consumo foi entregado ao centro benéfico da Fundación Provincial Banco de Alimentos de Pontevedra.
Este operativo enmárcanse no conxunto dos controis que efectúa o servizo de Gardacostas no eido da comercialización e transporte nas estradas de Galicia, que se suma aos controis da baixamar nas praias para evitar a extracción e comercialización ilegal de produtos pesqueiros.
A maiores destes controis por terra, nos últimos días os gardacostas requisaron preto de 945 quilos de peixe e marisco e 700 útiles de pesca, case todo nasas, noutras inspeccións realizadas no litoral galego.
Na ría de Pontevedra, aprehendéronse de 342 quilos de diversas especies de marisco e de 84 aparellos, a maioría nasas. A operación máis destacada foi nos portos de Beluso e de Combarro e resultou co comiso de preto de 220 quilos de centola, 65 quilos de mexillón e case cinco quilos de nécora e coa incautación de oito salabardos, xa que carecían de identificación.
Os gardacostas, na ría de Arousa, incautaron un total de 457 útiles, case todo nasas, e comisaron preto de 417 quilos de especies. O operativo máis destacado foi na Illa de Arousa e resultou coa incautación de 312 nasas e co comiso de 31 quilos de nécora, 13 quilos de polbo, 11 quilos de conguito e catro quilos de congro, debido a que todo estaba sen identificar.