A Tropa de Trapo comeza en Moraña a súa xira co espectáculo 'Contamos todas'
Por Redacción
A Tropa de Trapo comezaba este luns en Moraña a nova edición da xira 'Contamos todas', unha proposta escénica na que se promove a igualdade de xénero entre os escolares.
Nesta nova edición, o espectáculo percorrerá sete concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade durante este mes en que se conmemora o Día Internacional para a eliminación da Violencia contra as Mulleres.
O espectáculo ofrecido pola compañía galega púidose ver no CPI Santa Lucía cunha combinación de historias narradas acompañadas de música en vivo e talleres nos que os pequenos estudantes reflexionaban a través de diversas iniciativas sobre a igualdade entre mulleres e homes.
A proposta tamén se poñerá en marcha nos municipios da Guarda, Soutomaior, A Laracha, Porto do Son, Poio e Castrelo de Miño. A Tropa de Trapo busca con esta iniciativa formar aos escolares en valores como a liberdade, o respecto, a solidariedade e a igualdade.