Un xulgado de Pontevedra confirma a orde de demolición dos 52 chalés da urbanización de Raeiros
Por Redacción
Novo pau xudicial para os propietarios dos 52 chalés encostados que integran a urbanización de Raeiros, situada en San Vicente do Mar (O Grove). O xulgado do contencioso administrativo número 1 de Pontevedra confirmou a orde de demolición que pesa sobre esta promoción inmobiliaria.
A sentenza, que foi divulgada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), desestima o recurso presentado por un dos propietarios contra a resolución de outubro de 2017 da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) da Xunta na que insta os titulares dos 52 chalés a cumprir a orde de derriba ditada en 2014.
A derriba, que foi decretada pola Xunta por primeira vez en 2010, incluía ademais os viarios e grandes movementos de terra realizados na zona, clasificada como solo non urbanizable de especial protección de costas.
O maxistrado explica que a lexislación prohibe usos residenciais nese tipo de chan, unha zona boscosa que dá á praia de Balea-Raeiros.
En 1993 o propietario obtivo unha licenza para construír un apartahotel de uso turístico, pero, segundo consta no fallo, construíu os 52 chalés encostados con uso de vivenda e vendeunos a diferentes propietarios.
Catorce anos despois, en 2007, a Xunta requiriulles a implantación de uso hoteleiro e a disolución da parcelación mediante a unificación de todas as casas nunha soa propiedade, pero ignoraron a orde. En 2010 a APLU ordenou a demolición e volveu requirila en 2014.
O xulgado do contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra confirma na sentenza esa última orde de demolición e impón ao recorrente o pago de costas.
"A licenza de obras ía unida á de actividade. Sen o uso de hotel (sen parcelación) todo o construído carece de sentido", subliña o xuíz no fallo, no que tamén apunta a posibilidade de que a licenza do hotel de 1993 caducase.
Contra este fallo, cabe a posibilidade de presentar recurso de apelación ante o TSXG.