O Concello reduce a unha media de 33 días a espera dos provedores para cobrar unha factura
Por Alejandro Espiño
Unha media de 33,54 días. ÿ o tempo que esperaron os provedores do Concello de Pontevedra, no primeiro trimestre de 2013, para cobrar as súas facturas. Así o desvelou este xoves o concelleiro de Facenda, Raimundo González, quen destacou que esta celeridade no pagamento dos gastos correntes é un exemplo máis da "boa" situación económica e financieira da institución local.
En total, o Concello de Pontevedra abonou nestes tres primeiros meses do ano un total de 1.100 facturas por un valor total de 7,63 millóns de euros. Raimundo González sinalou que aqueles provedores que cobran fóra de prazo, fano nun máximo de 15 días adicionais, aínda que a gran maioría fano nos primeiros 10 días. "E ademáis de pagar, que nestas circunstancias xa é case excepcional, non temos débeda cos provedores".
"Pagamos prácticamente en prazo e os excesos son moi poucos", reiterou o concelleiro nacionalista. E iso, a pesar do atraso que xera o convenio coa Axencia Tributaria, "aínda que nos compensa". En virtude dese acordo, explicou Raimundo González, antes de pagar a un provedor mándaselle os datos a Facenda "e se ten débedas con nós, reteñen eses cartos e nolos devolven a final de ano".
Os datos de morosidade do Concello de Pontevedra son "aínda máis positivos", dixo González, se se compara co balance do último trimestre de 2012. Entón, as facturas pagábanse cunha media de demora de 39,24 días "case seis días máis tarde que nestes momentos", e os que se excedían do prazo legal facíano por un máximo de 30,24 días, "un 50% máis que actualmente".
A este balance súmase, destacou Raimundo González, a que segundo o informe do Ministerio de Hacienda con respecto a 2011, Pontevedra é a cidade "menos endebedada de Galicia" cun total de 23,9 millóns de euros. "E esa cantidade xa baixou moito o ano pasado coas amortizacións que fixemos". Por iso é polo que mandase un recado. "A nosa situación é moi boa, desafortunadamente, ao mellor, para algúns".