A Garda Civil desarticula un grupo criminal dedicado ao roubo de gasóleo
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil desarticulou un grupo criminal que se dedicaba á subtracción do gasóleo e de ferramentas nas empresas de transportes e en obras en construción.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, hai 10 persoas detidas acusadas de, polo menos, 17 roubos, fundamentalmente de gasoil en obras e empresas de transportes de diversos municipios da provincia, entre outros, no concello de Vilaboa.
Nalgúns casos investigados tamén se puido comprobar que subtraían ferramentas e maquinaria.
As investigacións levadas a cabo no marco da denominada Operación Caldox, iniciáronse o pasado mes de marzo.
Os investigadores determinaron que os integrantes desta banda estaban organizados en dous grupos. Un deles, integrado por catro persoas, eran os encargados de levar a cabo os roubos que planificaban e executaban segundo as demandas que recibían do outro grupo de receptadores, que estaba formado por seis persoas.
O modus operandi empezaba por establecer unha estreita vixilancia das empresas de transporte ou das obras onde pretendían levar a cabo o roubo, que a maior parte das ocasións tiña por obxectivo a subtracción do gasoil dos camións ou da maquinaria, segundo os casos.
O asalto realizábano posteriormente durante a noite e subtraían a maior cantidade posible do carburante que atopaban nos depósitos dos vehículos.