Investigan un home por roubar en escolas infantís de Poio
Por Redacción
A Policía Local de Poio investiga un home como presunto autor de tres roubos en dúas escolas infantís do municipio.
Os axentes, grazas á colaboración dos docentes, puideron identificar o sospeitoso, que tería subtraído varios obxectos e diñeiro.
O primeiro suceso do que tiveron coñecemento na Policía Local foi cando o persoal dunha das escolas requeiru a súa presenza para contarlles que un home saltara o muro de peche do centro educativo e accedera ao recinto levando varios obxectos. A súa presenza foi detectada por unha das profesoras, que o abordou provocando que abandonase o lugar. A descrición que achegou resultou determinante.
A situación repetiuse días despois noutra escola infantil, onde o home levou un bolso que contiña 200 euros en efectivo. Unha traballadora do centro sospeitou desta persoa e decidiron suxeitalo nas proximidades ata a chegada da Policía.
Unha vez no lugar os axentes identificaron o individuo, recuperando o bolso e tan só 55 euros, pois xa se desfixera de parte do botín. A vestimenta e as características da persoa descrita na primeira escola fixeron sospeitar que se trataba do mesmo individuo, polo que finalmente púidose identificar como o presunto autor da entrada en ambos os centros. Ademais no transcurso da investigación púidose pescudar que a mesma persoa subtraera noutra ocasión 65 euros no interior dunha das escolas.
As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Garda para iniciar a instrución dos presuntos delitos cometidos.