O responsable do club cannábico nega ánimo de lucro "sólo fines terapéuticos"
Por Oskar Viéitez
O xulgado do Penal acolleu este xoves a vista oral contra José Francisco Paz, "secretario e principal impulsor" da Asociación Pontevedresa de Estudos do Kannabis (APEK), acusado pola fiscalía dun delito contra a saúde pública referido a sustancias que non causan grave dano á saúde a través dun establecemento aberto ao público.
Segundo a fiscalía, esta asociación "apartándose dos fins para os que fora constituída", acordou realizar unha plantación de marihuana cuxo produto sería distribuído entre os socios da mesma, encargándose o acusado do cultivo, coidados e recolección da droga.
O acusado negou esta circuntancia asegurando que nunca se apartaron dos fins do club cannábico xa que este cultivo tiña "usos científicos e terapéuticos", unha actividade que cumpre "coas normas de funcionamento interno", e neste sentido alegou que nunca se lucró desta actividade.
"Todos os pagos que realizaron os socios foron para a autoxestión do local social", explicou José Francisco Paz que tan só recoñeceu algunhas vendas de marihuana a aqueles socios que realizaron previsións de cultivo para non ter que acudir ao mercado clandestino.
O xuízo quedou aprazado ata o próximo 20 de xuño
A instrución deste caso iniciouse o 19 de xuño de 2012, cando os veciños da rúa San Nicolás de Pontevedra avisaron aos bombeiros alertados "por un forte cheiro a gas" procedente da sede de APEK.
Buscando a orixe de tan intenso cheiro os servizos de urxencia topáronse no interior do local cun invernadero 145 plantas marihuana, así como así como 178 gramos de folla seca e 339 de cogollos, e medio centenar de pastillas de metadona, unha balanza de precisión e numerosos útiles para o pesaxe, manipulación e envasado da droga.
Aquela intervención da policía local "supúxonos a ruína" dixo o acusado
Aquela intervención da policía local "supúxonos a ruína" dixo o acusado, xa que como consecuencia foron desafiuzados do local que tiñan alugado no centro histórico pontevedrés.
O xuízo quedou aprazado ata o próximo 20 de xuño ao faltar unha das testemuñas que as partes consideran relevantes para a causa, a xefa de Dependencia do Área de Sanidade de Vigo, María Luz Senra, que curiosamente estaba comparecendo a esa mesma hora coma perito noutro xuízo por drogas sinalado na Audiencia Provincial de Pontevedra.
A pena solicitada para José Francisco Paz é de catro anos de prisión e de 12.000 euros de multa, ademais da clausura do local e da suspensión de todas as actividades da asociación. Igualmente a fiscalía pide que o tribunal prohiba ao acusado levar a cabo calquera actividade asociativa "aínda que sexa lícita".