Avogados de Sito Miñanco e a súa familia cuestionan a contundencia das probas periciais para acusalos por branqueo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O xuízo contra o histórico narcotraficante José Ramón Prado Bugallo, coñecido como Sito Miñanco, viviu este luns unha cuarta sesión na Audiencia Provincial de Pontevedra centrada nas probas periciais achegadas pola Fiscalía para soster a acusación por branqueo de capitais contra o capo de Cambados e parte da súa familia, unha xornada na que pasaron pola sala de vistas tres especialistas e que parte dos avogados defensores consideran que evidencia a falta de contundencia do material probatorio que hai nesta causa.
Un perito da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, outra especialista dunha consultora e o arquitecto municipal do Concello de Sanxenxo declararon durante a sesión, que tivo que suspenderse ata o vindeiro luns 12 de novembro pola imposibilidade de seguir coas declaracións do resto de peritos citados. Dous delas prevíanse moi longas para poder realizar antes de mediodía e para outra non había os medios técnicos necesarios.
Este terceiro perito aprazado debía declarar por videoconferencia desde Madrid e o sistema instalado na sala de vistas que utiliza a Sección Segunda da Audiencia non posibilita que poidan mostrárselle con claridade os informes elaborados. O seu testemuño realizarase outro día coa indicación de que teña diante a documentación necesaria para poder realizar o seu pericial sen necesidade de que se lle mostre a través da pantalla.
Ao termo da sesión, Alejandro Veiga, que leva a defensa da que primeira muller de Sito Miñanco, María Rosa Pouso, cuestionou a contundencia da declaración da perito principal da xornada, a especialista dunha consultora a quen a Axencia Tributaria encargou un informe. "A veces uno se plantea como abogado qué hacen seis personas sentadas en un banquillo después de casi diez años de procedimiento con ese tipo de sustento probatorio de cargo", opinou.
O avogado de Sito Miñanco, Gonzalo Boye, tamén se manifestou nestes termos. A citada perito realizou taxacións a petición da Axencia Tributaria, pero indicou que non todas as que aparecen no informe son súas e sobre algunhas das propiedades cuxo orixe se cuestiona nesta causa non lembraba realizar os traballos. O letrado cualificou o seu testemuño como "un poco patético" e criticou que non se acordase dalgunhas valoracións e que se lle preguntase por outras que ela non fixera.
"Yo creo que no se puede traer a la gente a juicio con este tipo de pruebas, dicho objetivamente", criticou Boye, que insistiu en que esta especialista reafírmase na parte que ela fixo, pero non nos valores finais, nin no resto do informe e en que non aclarou cal é a parte do informe que fixo. Centrou as súas críticas en Jesús Cales, representante da Fiscalía, pois "este tipo de pruebas el fiscal debería haberlas estudiado más antes de traerlas. Nosotros sí la habíamos estudiado y sabíamos lo que iba a pasar".
Ambos os letrados consideran que estas probas periciais permítelles reafirmarse en que "no hay absolutamente ninguna prueba que evidencie lo que se sostiene del contrario, es decir, que los inmuebles han valido mucho más de lo que realmente se sostiene en la contabilidad". A Fiscalía sostén que a familia de Miñanco, a través da inmobiliaria San Saturnino de Cambados, obtivo propiedades por un valor superior ao de mercado para branquear diñeiro procedente das actividades relacionadas co narcotráfico do famoso capo. Con todo, os avogados defensores negan tales circunstancias.
O avogado da exesposa mantén que a inmobiliaria levou sempre a súa contabilidade "de forma ordenada y correcta y ajustada al plan de contabilidad" e que "la prueba que se practicó hoy evidencia lo mismo". Así, consideran que as peritaxes confirman que as propiedades valen aquilo no que están contabilizadas a pesar de que a Fiscalía ve "una diferencia de valor muy importante con el valor que está contabilizado" que se pagou con diñeiro non declarado.
Segundo Veiga, "nosotros sostenemos dos cosas. Primera, que no hay ese valor oculto, sino que el valor es el que es y, en segundo lugar, y en base a la prueba que también se aportó por otras defensas, que aún habiendo esa diferencia, habría justificación para pagarlo".
Gonzalo Boye tamén criticou a falta de medios técnicos da Audiencia de Pontevedra, pois "no tenemos mecanismo técnico en una capital de provincia para poder enseñarle documentos a otra capital de provincia". "Yo creo que esto lo que refleja es que los jueces están haciendo lo que pueden con lo que tienen. Y tienen muy poco", engadiu, de modo que ve "evidente" que os xuíces e fiscais teñen razóns para secundar a folga no sector convocada para o 19 de novembro.
Ademais de Sito Miñanco e o seu exesposa, nesta causa está tamén acusados a súa filla (Rosa María Prado Pouso), a súa ex cuñada (Josefa Pouso Navazas); e un suposto home de palla, José Alberto Aguín Madalenas, persoa da súa máxima confianza. A Fiscalía atribúelles un delito de branqueo de capitais polo que pide que sexan condenados a unha pena de seis anos de prisión e 10 millóns de euros de multa cada un. Estes son os feitos para xulgar.
Relacionadas:
-
Un perito ve "coherentes" os patrimonios da filla e a ex de Sito Miñanco e bota por terra a acusación por branqueo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Ningún informe pericial relaciona a Sito Miñanco cun delito de branqueo
Por Oskar Viéitez |
-
Expedientan ao avogado de Sito Miñanco por fumar durante o xuízo
Por Oskar Viéitez |
-
Un perito da Axencia Tributaria considera "inxustificado" o patrimonio da inmobiliaria asociada con Miñanco
Por Oskar Viéitez |
-
Sito Miñanco nega ter branqueado diñeiro da droga: "Hasta 1991 no toqué nada que no fuera tabaco"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Unha Interviú de 1983, documentos belgas e unha causa arquivada, eixos da nova estratexia xudicial de Sito Miñanco
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Sito Miñanco, "tranquilo" á súa chegada á Audiencia onde será xulgado por branqueo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Sito Miñanco chega ao cárcere da Lama unha semana antes de ser xulgado por branqueo na Audiencia
Por Natalia Puga |