Obras para mellorar a accesibilidade en Barcelos a partir do luns
Por Redacción
As obras chegarán este luns 5 de novembro á praza de Barcelos, onde comezarán os traballos previstos para mellorar a accesibilidade na zona.
Así o confirmou a concellería de Obras, nun proxecto que nace da colaboración coa Asociación Amizade co fin de resolver os problemas que se atopaban as persoas con mobilidade reducida ou problemas de visión neste céntrico espazo.
Os traballos, adxudicados á empresa Ediserpo, centraranse na elevación dos pasos de peóns que rodean a praza, instalando lombos. Ademais actuarase nas beirarrúas desde as que se inician os pasos para darlles continuidade e favorecer así o tránsito sen que existan barreiras arquitectónicas.
Por outra banda está previsto mellorar a iluminación na zona do colexio, instalando un novo punto de luz máis forte no paso de peóns máis próximo ao centro educativo, dando servizo tamén á zona peonil á súa entrada.
O que quedará pendente, recoñece o goberno local, é o arranxo e posta a punto do entroncamento da Praza de Barcelos coa rúa Rouco, e que se acometerá coa reforma integral xa programada na rúa que une a praza con Cobián Roffignac.