Pablo Casado arroupa a Mariano Rajoy no funeral do seu pai na Basílica de Santa María
Por Redacción
O funeral do maxistrado xubilado da Audiencia de Pontevedra Mariano Rajoy Sobredo, pai do ex presidente do Goberno, Mariano Rajoy Brey, realizábase na tarde deste venres na Basílica de Santa María e supuxo un sentido adeus por parte de decenas de cidadáns que se achegaron ata o templo, onde se deron cita os principais responsables do Partido Popular.
Media hora antes do inicio da cerimonia facía aparición a que fora vicepresidenta do Goberno de Rajoy Brey, Soraya Sáenz de Santamaría. Tras ela foron achegándose ata a basílica diferentes autoridades e representantes do Partido Popular entre os que se atopaba o conselleiro de Industria Francisco Conde; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o deputado no Congreso, Tomás Fole; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; os deputados parlamentarios Teresa Egerique e Jacobo Moreira; a alcaldesa de Marín, María Ramallo; o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; o alcalde de Campo Lameiro, Julio Sayáns; ou o presidente da Autoridade Portuaria de Marín, José Benito Suárez Costa.
Tamén asistiu ao acto o deputado socialista no Congreso Guillermo Meijón.
Ao redor das 18.20 horas chegaba Mariano Rajoy Brey acompañado por Fernando Martínez-Maillo, que foi coordinador xeneral do partido. O ex presidente do Goberno fundíase nun intenso abrazo ás portas da basílica cun compañeiro de promoción e amigo persoal, para a continuación entrar na igrexa.
Poucos minutos despois chegaba unha comitiva pola avenida de Santa María encabezada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e polo presidente do Partido Popular, Pablo Casado, acompañados por Adolfo Suárez Illana; o portavoz local do PP Rafael Domínguez e o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
Pablo Casado indicou ante os medios de comunicación que se desprazou ata Pontevedra para "arroupar a unha persoa que foi imprescindible para o partido e para o país" en referencia ao seu antecesor no cargo de presidente dos populares.
Durante a cerimonia relixiosa, Mariano Rajoy Brey agradeceu as mostras de apoio e a presenza de familiares e amigos ao funeral de Mariano Rajoy Sobredo, ex presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra, que falecía en Madrid este xoves aos 97 anos de idade.
Relacionadas:
-
Pontevedra, á 'La sombra de la ley' cunha premier de película
Por Alejandro Espiño |
-
Falece en Madrid aos 97 anos o pai de Mariano Rajoy
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada