Os calacús do samaín iluminan o centro histórico
Por Redacción & Mónica Patxot
O samaín é a noite na que, segundo a tradición celta, os mortos camiñan entre os vivos. Horas antes de que se abra a porta do máis aló, os nenos pontevedreses volveron a dar renda solta á súa creatividade, en busca da cabaza mellor decorada da cidade.
Esta hortaliza é todo un símbolo para esta festividade e, como é habitual, un obradoiro celebrado na Praza da Verdura, permitiu darlle vistosidade para celebrar o samaín.
Tras baleirala e decorala para a ocasión, os nenos e nenas que participaron nesta 'noite dos calacús' colocaron unha vela no seu interior para que alume durante esta longa noite.
A esta festa, organizada polo Concello de Pontevedra, acudiron moitos nenos disfrazados de personaxes de terror, convertendo o centro histórico da cidade nun lugar verdadeiramente 'aterrador'.