María Rey cualifica de "despropósito" a falta de auga corrente no campo de fútbol de Cerponzóns
Por Redacción
A concelleira de Cidadáns no Concello de Pontevedra, María Rey, cualificou de "despropósito" a falta de auga corrente no recentemente construído campo de fútbol da parroquia de Cerponzóns.
María Rey asegurou que os comuneiros desta parroquia trasladáronlle que o Concello realizou catas nos seus terreos para tratar de solucionar o problema sen consultarlles "e sen pedir os permisos necesarios".
A concelleira de Cidadáns puxo en dúbida a xestión destes novos espazos deportivos por parte do goberno municipal tachando de "chapuza" que cun investimento de máis de 800.000 euros, non se tivera en conta o abastecemento de auga.
"Lores quere coar outro gol aos veciños ao construír este campo sen considerar este servizo", dixo María Rey.