De cans abandonados a animais de axuda para persoas con TEA e con alzheimer
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Olga é unha podenca que se atopaba na protectora de animais de Pontevedra. Despois dun proceso de aprendizaxe e adaptación agora é unha integrante de Ara, unha entidade de Vigo que traballa en intervencións a persoas con diversidade funcional a través da utilización de animais. A podenca Olga encárgase de axudar a menores con TEA e pacientes de alzheimer.
Este martes, Gloria Cubas, a presidenta do colectivo de protección de cans Os Palleiros, e a directora de ADA, Olalla Vergara, explicaban como se desenvolven estes proxectos para os que precisan voluntarios que queiran colaborar para ensinar aos animais para traballar a socialización e tamén de casas de acollida, un espacio no que permanecen os cans antes de utilizalos en programas de axuda a persoas con algún tipo de disfunción.
Ademais, Olalla Vergara explicou que moitos dos animais que se atopan na protectora contan con posibilidades de ser utilizados noutro tipo de intervencións, como as deportivas sendo adestrados para participar en probas de canicross. O obxectivo destes programas é adaptar sempre ás mascotas ás familias coas que van convivir.
CALENDARIO 2019
Ademais, Os Palleiros presentaba este mércores no Concello coa concelleira Pilar Comesaña o seu calendario para 2019, unha tradición que este ano ten como protagonista a Rebeca Manzaneda, unha estudante que realizou o traballo de fin do ciclo de Fotografía cun proxecto de fotografías de distintos cans da protectora de Campañó. Baixo o título de 'Miradas' mostra tanto a cachorros como a cans adultos que precisan dun fogar.
O prezo dos calendarios, tanto no seu formato de parede como de mesa, ten un custo de 6 euros e pódese adquirir a través da protectora Os Palleiros ou no mercadillo solidario que se desenvolverá o 10 de novembro.
Gloria Cubas, presidenta do colectivo, indicou que este ano xa ingresaron 224 cans nas instalacións municipais. Desta cifra apenas 109 foron adoptados por familias. Gloria Cubas facía un chamamento á cidadanía para que adopte e sinalaba que durante estes meses atopáronse con numerosas camadas, de 8 e 10 exemplares.