A xustiza avala a ampliación dos pantaláns do Náutico de Sanxenxo
Por Redacción
A sección segunda da Sala do contencioso-administrativo do TSXG entende que a ampliación dos pantaláns do Náutico de Sanxenxo, autorizada por Portos de Galicia en maio de 2012 e recorrida polo Concello e veciños da zona, é legal.
O proxecto incluía a creación de dous novos pantaláns para embarcacións, a habilitación de prazas de amarre e a ampliación do pantalán pesqueiro.
O TSXG argumenta que o proxecto se sitúa nunha zona portuaria na que xa había un uso náutico deportivo mediante a existencia de fondeos.
A concesión para ampliar as instalacións, por tanto, "non se opón ao plan de usos do porto" e, na proba practicada, resultou acreditado que toda a obra levou a cabo na lámina de auga e que non se trataba dun novo porto deportivo, "senón dunha atracada dentro do porto xa existente".
En canto á existencia de vulneración do trámite ambiental, tal e como alegan as partes, o TSXG considera que non se produciu porque é unha instalación desmontable, un pantalán flotante suxeito a pilotes fincados na area ao abrigo dunha instalación preexistente que é o espigón do porto.
O TSXG rexeita que o presidente de Portos de Galicia incorrese en "desviación de poder", pois sostén que a intención perseguida coa concesión era ordenar os espazos portuarios, algo que é "de interese xeral".
Os maxistrados indican que "non se consideran substanciais" as modificacións da concesión, ao non incrementarse a superficie ou o volume construído en máis dun 10%, á vez que sinalan que con elas pretendeuse mellorar a maniobrabilidade e o "distanciamento considerable" da praia da Panadeira.