55 establecementos participan nunha nova edición de Pontedetapas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Este venres 2 de novembro comeza a undécima edición de Pontedetapas, unha iniciativa que este ano contará coa participación de 55 establecementos da cidade co obxectivo de promocionar a gastronomía local e potenciar a actividade turística entre as poboacións próximas.
A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, presentaba a edición, acompañada de varios representantes da hostalería local, anunciando que se incrementan o número de tapas ata alcanzar as 73, 34 de tipo tradicional e 25 de carácter creativo, ás que se sumarán 14 cócteles.
Durante os 17 días que durará esta proposta culinaria, que conclúe o domingo 18 de novembro, os elaborados poderán degustarse por un prezo de dous euros por tapa e tres euros o cóctel.
Ademais mantéñense os premios para o público, que poden participar votando para decidir a Tapa Pontevedra, a través das urnas que se instalarán en cada local, ou a través da aplicación para móbil que promove Pontedetapas. Os dous gañadores serán agasallados con 500 euros en vales para gastar no comercio local e no mercado de abastos.
A tapa que logre triunfar sobre as demais representará á cidade no certame De Tapas por Galicia, a competición entre os mellores elaborados na comunidade autónoma.