Ánxela López, presidenta de VIGalicia: "A asistencia persoal é unha ferramenta de empoderamento"
Por Anxo Lourido
Ánxela López é clara nas súas propostas e así o expresou este luns no III Encontro Provincial pola Inclusión que se desenvolve no Museo de Pontevedra. Pide que nos discursos políticos se fale máis da igualdade para as persoas que padecen algún tipo de discapacidade: "fálase de igualdade entre homes e mulleres, e óbviase a diversidade funcional".
A presidenta da Oficina de Vida Independente de Galicia (VIGalicia) indica que en 2007 o Parlamento de Galicia aprobaba a declaración na que recoñecía que a vida independente é un dereito humano e que todos somos iguais en dignidade e igualdade, tal e como recolle a convención de Nacións Unidas.
Con todo, mostra a súa preocupación porque os políticos e a sociedade seguen a apostar por un modelo médico rehabilitador e continúa centrándose na dependencia destas persoas e non na súa independencia. "Parécenos ben que a xente vaia a prazas residenciais ou ao entorno familiar, pero tamén á asistencia persoal autoxestionada", sinala.
Reclaman un incremento de axudas para a asistencia persoal porque, a día de hoxe, segundo explica Ánxela López non chega para cubrir as necesidades básicas vitais das persoas para poder vivir con dignidade. Establécese un copago que "nos funde na miseria" ao penalizar o acceso ao mercado laboral.
A integrante do Foro de Vida independente denuncia que os baremos no indicador público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) para optar ás axudas provoca que as persoas con discapacidade copaguen a súa asistencia persoal. Un feito que non entende xa que "se te esforzaches e tes un salario igual que o teu compañeiro de traballo, ti non tes porque destinar unha cantidade a atención persoal".
Sinala que a súa iniciativa é igualar o punto de partido, recoñecendo un dereito humano que se atopa na convención das Nacións Unidas. "A asistencia persoal é unha ferramenta de empoderamento e de paliar a situación de desvantaxe", lembra Ánxela López.
ATENCIÓN ÁS MULLERES CON DIVERSIDADE FUNCIONAL
Carmela Silva, a presidenta da Deputación Provincial, acudía a este encontro e mantiña conversacións con algúns dos relatores. A máxima mandataria provincial sinalaba a importancia destas xornadas nas que se trata a inclusión laboral deste colectivo e destacaba a atención que precisan as mulleres con diversidade funcional. Neste sentido, recoñeceu que nalgúns actos organizados pola Deputación Provincial esquecéronse de mulleres con diversidade funcional para que participen e afirmou que esta situación non volverá suceder.
Destacou que na provincia hai 85.000 persoas con algún tipo de diversidade funcional, segundo os datos que manexa a Deputación do ano 2017. E Carmela Silva sinalou que máis do 35% son activos para o mercado laboral e é precisa a súa inclusión. Con todo, menos do 6,5% das mulleres con disfuncionalidade teñen emprego fronte ao 12% dos homes. Tamén incidiu en que as administracións deben dirixir a mirada a este colectivo porque un 23% destas mulleres manifesta que sofre violencia física, sexual ou medo.
Este martes 30, o Pavillón do Centro Príncipe Felipe acollerá unha xornada de convivencia dentro deste Encontro pola Inclusión.