O Concello traballa na posta ao día dos camposantos

Por Redacción
Coa festividade de Todos os Santos á volta, unha data que encherá de xente os camposantos de Pontevedra, o departamento de cemiterios fai balance das melloras incorporadas no último ano.
Nos últimos tempos mellorouse o equipamento do servizo coa adquisición dunha furgoneta e maquinaria (rozadora e de limpeza), ademais de renovar material en mal estado polo uso. Ademais repúxose a iluminación no cemiterio de Campañó.
O servizo municipal de Cemiterios conta cunha nómina de oito traballadores: dous de administración e un reforzo nesta etapa de informatización dun auxiliar administrativo e unha brigada de seis sepultureiros que tamén fan labores de mantemento e coidado dos xardíns dos recintos funerarios.
Para axudar á realización das tarefas de coidado e mantemento dos cemiterios, o Concello ten previsto asinar no próximo ano un convenio de colaboración coa Asociación Xoán XXIII.
A posta en valor do patrimonio cultural, artístico e arquitectónico do cemiterio de San Amaro é tamén de interese para o Concello. Persoeiros do mundo da cultura, da política, artistas, figuras relevantes na historia da cidade e do país están enterrados en San Amaro, entre outras, as irmáns Mendoza, Alejandro Rodríguez- Sesmero, Manuel Quiroga, Alexandre Bóveda, Josefina Arruti ou María Victoria Moreno.
Coñecer as súas tumbas como colofón das súas vidas, mais tamén apreciar a beleza artística de panteóns, estatuas ou elementos ornamentais -como a súa entrada neoclásica- constitúe un exercicio de aprendizaxe ao que se suma cada vez máis xente. Roteiros protagonizados por alumnos de institutos; visitas guiadas como as promovidas pola Deputación de Pontevedra ou incluídas en programas de ocio como Noites Abertas falan do crecente interese por un cemiterio que abriu as portas o 1 de outubro de 1882 e que agocha nos seus muros historia, arte, lendas.
POSTA A PUNTO PARA DEFUNTOS
O proceso de renovación do servizo de Cemiterios non esquece a proximidade das xornadas de Todos os Santos e Defuntos, polo que a brigada de cemiterios traballa arreo nestes días para a posta a punto de San Amaro: recorte das sebes, perfilado das árbores, limpeza con auga a presión, arranxo de pavimentos e grava ou o repaso das luces. A poda das árbores, a roza dos accesos e perímetros e a limpeza con auga presión esténdese ao resto dos camposantos municipais
Nos días de Todos os Santos e Defuntos, nos que son miles as persoas que se achegan aos cemiterios para levar flores aos seus mortos, instalaranse como é habitual colectores adicionais de lixo, a cargo da empresa concesionaria do servizo municipal de limpeza, para atender as necesidades especiais destas xornadas.
Relacionadas:
-
O día de Todos os Santos volve encher os cemiterios de Pontevedra
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Os cemiterios municipais, controlados pola Policía Local de cara a Todos os Santos
Por Redacción |
-
San Amaro será un cemiterio "informatizado"
Por Oskar Viéitez |
-
Marín exime de licenza para limpar panteóns e tumbas
Por Redacción |
-
Protagonismo literario nas visitas guiadas programadas por tres cemiterios singulares
Por Oskar Viéitez |