San Amaro será un cemiterio "informatizado"
Por Oskar Viéitez
Un servizo con xestión administrativa, atención ao público e dispoñibilidade de información propia do século XXI. Con este obxectivo traballa o departamento municipal de Cemiterios, que dirixe a concelleira Carme Fouces.
O proceso de informatización comezou coa introdución e acceso aos datos básicos do cemiterios: definición da propiedade, titular, inhumacións feitas, variacións rexistradas (titularidade, movemento de restos ou agrupamentos) dende o ano 1912, data dende a que se garda a documentación dun xeito máis o menos sistemático.
Rematada esta fase fíxose o inventario de todos os nichos de cemiterio e hoxe en día estase traballándose na elaboración do inventario dos panteóns.
O programa informático permite introducir información sobre persoeiros senlleiros enterrados no cemiterio pontevedrés e sobre tumbas e panteóns con valor artístico e arquitectónico. Esta información atópase en proceso de elaboración xa que ademais dun valor descritivo ten o afán de poñer en valor o noso patrimonio.
Ao final, como ramo do proceso de informatización, instalarase unha pantalla/ordenador no exterior coa información sobre o cemiterio (planimetría ou localización de nichos e panteóns) para que a xente que se achegue poda consultala a golpe de clic.
Aínda que, nesta primeira fase, é San Amaro o cemiterio que está a concentrar os esforzos de renovación, xa están feitas as planimetrías dos outros camposantos de titularidade municipal: Campañó, Lourizán, Bora e Ponte Sampaio.