Os médicos debaten sobre os coidados ao final da vida
Por Oskar Viéitez
O Colexio de Médicos celebrou este sábado en Pontevedra a V Xornada Galega de Deontoloxía e Ética Médica, na que se trataron tres temas de vital importancia para a profesión, como son a autonomía do paciente, os coidados ao final da vida e a relación dos médicos coa xudicatura.
Nesta xornada participaron profesionais que tratan día a día con pacientes que necesitan paliativos, como é un oncólogo de referencia; un médico de Atención Primaria que se dedica a ir aos domicilios para administrar os diferentes tratamentos de pacientes que prefiren pasar os últimos días na súa casa rodeados da súa familia, pero sen dor e con calidade de vida no canto de estar rodeados de maquinas; e un enfermeiro que tamén é un especialista en coidados paliativos.
O debate expúxose entre os profesionais que defenden que o paciente teña autonomía para elixir e decidir pero non para impoñer a súa vontade e os que aceptan que os enfermos, despois de recibir toda a información adecuada, poidan tomar as súas propias decisións libremente, estando a súa vontade por encima da do médico ou a familia no que á súa saúde refírese.
Unha enquisa realizada no ano 2017 pola Organización Médica Colexial (OMC) de España sobre a práctica médica nos servizos de urxencias hospitalarios, reflectiu que o 91 por cento dos consultados consideraba que a presión xudicial sobre os médicos aumentara claramente nos últimos anos; o 88 por cento admitía que a ameaza de verse denunciado condicionara a práctica dunha gran parte dos médicos de urxencias; para evitar posibles problemas legais cos pacientes, o 89 por cento realizaba probas diagnósticas nos servizos de urxencias de dubidosa utilidade e, para concluír, o 63 por cento admitía que se alongaban de forma innecesaria os tempos de estancia dos pacientes xa diagnosticados por prevención ante posibles demandas.
O presidente do Colexio de Médicos, Luís Campos Villarino, sinalou que segundo denuncian referentes en deontoloxía dos colexios médicos de España "a medicina actual está excesivamente tecnificada e burocratizada", polo que expoñen a necesidade de "repersonalizar" a atención sanitaria.
Campos Villarino lembrou que o primeiro código de ética e deontoloxía médica cumpriu xa os 2.500 anos. Tratábase do xuramento hipocrático que debe o seu nome a Hipócrates de Cos, aquel médico grego do século V antes de Cristo que, ao parecer, escribiu o texto cando decidiu dedicarse á instrución de aprendices que non eran da súa propia familia na difícil arte da curación.
Tanto Campos Villarino como o presidente da comisión organizadora das xornadas, Diego Murillo Solís, coincidiron na necesidade de dotarse dunha lei de coidados paliativos.