Pedaladas quere que Ence abra unha vía de servizo para acceso de camións na PO-11 entre Marín e Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A subdelegada do Goberno recibía este venres a representantes do colectivo Pedaladas para tratar con eles algúns dos proxectos que o Ministerio de Fomento estudaba para a contorna de Pontevedra.
Neste sentido, Kike Pérez, portavoz de Pedaladas, mostraba a súa satisfacción porque Maica Larriba trasladoulles que a Vía Verde entre Pontevedra e Arcade "nunca estivera tan preto". ADIF retirou as trabas que presentaba durante o goberno de Mariano Rajoy e o proxecto avanza, segundo a información que lles transmitía Larriba.
Agora, o Ministerio de Fomento estuda a cesión dese espazo por un período de 15 anos ou definitivo. "Podemos soñar con ter unha senda verde entre Pontevedra e Vigo completa", apuntaba Pérez.
SEN NOVIDADE SOBRE A REFORMA DA PO-11
Con todo, en relación coa reforma da antiga autovía entre Pontevedra e Marín, a PO-11, os integrantes saían preocupados do encontro. Sinalan que "non hai nada plasmado" a pesar de que o proxecto estaba previsto polo anterior goberno.
Por este motivo, este domingo 28, Pedaladas fai un chamamento aos ciclistas para que participen no acto reivindicativo que se iniciará ás 11.00 horas na praza de España. De aí, sairán os participantes para realizar un itinerario ata Marín. "Se non hai unha presión social, este proxecto pechado pode caerse da axenda", apunta Kike Pérez, preocupado polas dúbidas que o goberno de Pedro Sánchez sostén sobre esta proposta.
PIDEN SOLUCIÓN A ENCE
A raíz do incidente do camioneiro cos dous ciclistas, Pedaladas reclama a Ence que busque unha solución para que os camións accedan aos terreos da industria pasteira a través da PO-11. Piden que chegue a un acordo co Ministerio de Fomento para crear unha vía de servizo pola que os camións se incorporen por esta estrada.
Con esta medida ofreceríase, segundo Kike Pérez, un mellor servizo aos veciños de Praceres, eliminaríase tráfico de camións na estrada vella de Marín e a mala convivencia entre vehículos pesados e ciclistas que, rexístrase, nesa vía.
O colectivo ciclista sinala que os 300 camións de tráfico pesado que circulan diariamente por esa estrada non son compatibles co uso frecuente que os usuarios de bicicleta realizan entre Marín e Pontevedra.
Relacionadas:
-
Transportistas ameazan con non servir madeira a ENCE por non traballar co camioneiro que atacou dous ciclistas
Por Redacción |
-
Unhas 250 persoas reclaman un paseo ciclista e peonil entre Pontevedra e Marín
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Pedaladas trasladará as súas demandas á subdelegada do Goberno
Por Oskar Viéitez |
-
Colectivos ciclistas reclamarán unha "gran vía verde" entre Pontevedra e Vigo
Por Redacción |
-
Os terreos para o paseo a Marín xa están nas mans de Costas
Por Redacción |
-
Costas unirá Pontevedra e Os Praceres no primeiro treito do paseo peonil a Marín
Por Alejandro Espiño |
-
Pedaladas pide que a estrada vella de Marín teña sentido único para coches e dobre sentido para ciclistas
Por Redacción |