Arrestan dous cacos cando fuxían co botín do roubo nun bar
Por Oskar Viéitez
Axentes da Policía Nacional detiveron dous individuos de 47 anos de idade, veciños de Vilagarcía e Vigo, con antecedentes policiais, como presuntos autores dun delito de roubo con forza nun establecemento hostaleiro de Vilagarcía.
Os feitos sucederon na madrugada deste venres cando os axentes que estaban a realizar labores de prevención da seguridade cidadá detectaron pola zona do porto, procedentes dun bar próximo, a dous individuos que portaban unha bolsa de grandes dimensións cada un por un asa.
Os axentes interceptáronos e ao preguntarlles polos obxectos que levaban na bolsa non conseguieron acreditar a súa procedencia. Eran produtos típicos de establecementos de hostalería, varias botellas de licor, pan de molde e un bote de plástico con moitas moedas.
Os axentes efectuaron unha requisa polos bares próximos e nun dos locais observaron que unha das xanelas aparecía forzada e o interior revolto. Os axentes localizaron ao propietario do local que recoñeceu sen ningunha dúbida os efectos subtraídos como seus.
Por todo iso os axentes policiais detiveron estes dous cacos por un delito de roubo con forza e trasladáronos a dependencias policiais para ser oídos en declaración e ser postos a disposición da autoridade xudicial.
Ademais foron identificados catro individuos na Coruña que están a ser investigados, por levar entre as súas pertenzas obxectos susceptibles de proceder dos roubos cometidos estes días en establecementos de Vilagarcía