Pontevedra gastará 122.000 euros en iluminar a cidade para o Nadal
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra elevará substancialmente a contía destinada a adornos e iluminación do Nadal. Non será como Vigo, que segundo o seu alcalde Abel Caballero terá "unas navidades top del planeta" pero será unha gran mellora respecto ao triste aspecto que a Boa Vila ofreceu o pasado ano.
Segundo sinalou Carme da Silva, "Pontevedra non quere ser coma Nova York, Nova York xa quere ser coma Pontevedra".
Nunha Xunta de Goberno celebrada este venres aprobouse o prego de condicións para licitar a adxudicación da iluminación de Nadal e o Entroido. Anteriormente contratábanse conxuntamente as luces das festas da Peregrina, Nadal e Entroido, por uns 70.000 euros, agora destinaranse 122.000 euros só á iluminación do Nadal e outros 23.000 euros para o entroido.
A esta contía que destina o Concello hai que sumar a colaboración que fan os empresarios de AEMPE e a Zona Monumental.
No prego de condicións recóllense un número mínimo de rúas a iluminar (máis de 40) e de elementos singulares a colocar. Entre estes mínimos esixirase á empresa adxudicataria que se instale unha árbore de 20 metros de altura no que se poida entrar, outro de 10 metros e varias bolas xigantes.
Á marxe as empresas interesadas poderán ofrecer as melloras que estimen oportunas.
Carme da Silva apuntou que aínda non se fixou unha data para o aceso, pero podería ser a finais de novembro. A decisión acordarase cos comerciantes.
Relacionadas:
-
A árbore de Nadal da Ferrería ten moi boa pinta
Por Oskar Viéitez |
-
Zona Monumental inviste preto de 17.000 euros na iluminación do centro histórico
Por Redacción |
-
Pontevedra acenderá o 5 de decembro a iluminación de Nadal
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Unha árbore de 30 metros na Ferrería, principal adorno da iluminación de Nadal
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello "abrirá a man" para aumentar o "insuficiente" gasto nas luces de Nadal
Por Alejandro Espiño |
-
Tras a polémica, A Ferrería renova o alumeado de Nadal
Por Redacción |