Un benefactor dos Miguelianos confirma que doou máis dun millón de euros "para dar consistencia ao grupo"
Por Natalia Puga
Ignacio Oriol, que durante anos foi o principal benefactor da Orde e Mandato de San Miguel Arcanxo, protagonizou este venres a undécima sesión do xuízo polo denominado caso dos Miguelianos e recoñeceu ante o tribunal da Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra que durante anos entregou importantes sumas de diñeiro para o funcionamento da organización.
En concreto, falou de que no ano 2008 entregoulles 870.000 euros en billetes en efectivo en persoa a varios dos integrantes de Orde e Mandato e que entre 2009 e 2010 realizou varios pagos de máis de 300.000 euros. Ese diñeiro, segundo explicou, non llo deu directamente ao fundador e líder do colectivo e principal acusado na causa xudicial que se está xulgando, Feliciano Miguel Rosendo da Silva, senón a integrantes da asociación.
Os fondos procedían do "patrimonio familiar" dos Oriol, unha familia adiñeirada, e eran "para dar consistencia ao grupo e para poder constituírse como asociación pública de fieis". Non lembra quen llo pediu porque mantivo conversacións ao respectos con varios membros da Orde, que lle trasladaron a "necesidade" de diñeiro que tiñan, entre eles, a súa irmá Patrocinio, monxa Carmelita.
Oriol asegura que tiña "absoluta confianza" en Feliciano Miguel, a quen aínda considera o seu amigo e a quen defende a día de hoxe a pesar das acusacións que pesan sobre el. En relación cos cargos de abusos e agresións sexuais que lle atribúen ao fundador tanto a Fiscalía como a acusación particular e antigos membros de Orde e Mandato, asegurou que nunca tivo coñecemento de ningún comportamento neste sentido.
"Non sospeitei absolutamente nada de tema sexual, pero si sospeitei: aquí estase montando algo contra nós e non sei por que", explicou ante o tribunal en relación con que xa meses antes de que se desenvolvese a operación da Garda Civil na que foi detido Feliciano Miguel e saísen á luz as acusacións de antigos membros da asociación a el chegábanlle informacións sobre posibles irregularidades.
Segundo relatou, un antigo membro de Orde e Mandato reuniuse con el en Madrid e díxolle: "todo o que contan de Miguel é verdade". Nun primeiro momento, creulle e chegou a falar coa súa familia e con autoridades eclesiásticas e avogados, pero logo, tras falar coa súa irmá, esta trasladoulle que "unha luz interior" dicíalle que era todo mentira, de modo que se mantivo fiel a Miguel Rosendo. "Custoume 24 ou 30 horas darme conta de que me enganaba", explicou.
Na súa declaración explicou que das relacións sexuais tivo as "noticias pola prensa" e iso lle "entristece", pois "estiven durante anos achegando diñeiro e ninguén me dicía absolutamente nada. E de súpeto atopeime en prensa con que Rosendo tiña relacións con non sei cuantos e que eu era satánico".
Ignacio Oriol estivo en varias ocasións na denominada 'casa nai' de Mougás, en Santa María de Oia, e asegura que alí non se vivía na situación de sometemento que relatan varios ex adeptos das asociación, senón que "vía unha liberdade de movementos totais" e non había esa situación de submisión e ameazas que relatan. Ademais, mantén que alí se vivía nunha "contorna alegre" e que Miguel tiña coas mulleres consagradas que actuaban como os seus 'bastóns' unha relación "preciosa", de "respecto e proximidade".
Pola sala de vistas da Audiencia tamén pasou este venres Fernando Acuña, un dos denunciantes que acusa a Feliciano Miguel Rosendo e ás actuacións de Orde e Mandato tras pasar varios anos na organización, moitos deles vivindo na 'casa nai', onde coñeceu á súa actual esposa, María Paz.
Este mozo relatou que en casa ' nai' ninguén lle levaba a contraria a Miguel Rosendo, pois "podías dar unha opinión, pero se el dicíache que non, acabábase". Todo pasaba polo fundador e a el non se lle ocorría dúbida polas facultades divinas que todos lle atribuían, pois falara con Deus e batallaba co demo.
"Se Miguel dicíache unha cousa, normalmente era algo que viña do ceo. Como lle vas a levar a contraria a Miguel que supostamente é o enviado de deus? Aínda que non teña nin pés nin cabeza ten que ser así", relatou este mozo, que mesmo el estivo detrás da súa relación coa súa esposa. "O meu noivado foi imposto por Miguel", sentenciou e revelou que mesmo houbo un momento en que empezou a saír con María pero deixoulle e decidiu volver porque así llo indicou o seu líder, a quen chamaban "pai".
Relacionadas:
-
A Igrexa detectou abusos sexuais nos Miguelianos, pero non os denunciou porque os consideraban pecado, non delito
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O asistente eclesiástico dos Miguelianos atribúe ao líder actitudes máis propias do demo que de Deus
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Unha testemuña confirma que a familia Ruiz-Mateos doou 300.000 euros para unha obra dos Miguelianos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Unha ex Migueliana relata que sufriu oito anos de abusos sexuais coa escusa de purificala e curarlle un cancro
Por Natalia Puga |
-
Denuncian coaccións e ameazas para evitar que declaren as testemuñas do xuízo dos Miguelianos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Achacan a unha estratexia "sibilina" do capelán da Lama as acusacións contra os Miguelianos
Por Natalia Puga |
-
Unha ex Migueliana relata vivencias "espeluznantes" de abusos sexuais, exorcismos, agresións e sometemento
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |