Fomento emplea no seu web "Sanjenjo", "El Grove" ou "Bayona", segundo denuncia En Marea
Por Alejandro Espiño
A deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, esixiu que o Ministerio de Fomento corrixa "de inmediato" a toponimia que recolle no seu web con respecto a numerosas vilas galegas que, segundo denunciou, aparecen "deformadas".
Así, Fernández traslada o seu "estupor" porque Fomento utilice denominacións como El Ferrol, Bayona, Sanjenjo, La Guardia, Lage, El Grove, Puebla del Caramiñal, Santa Eugenia de Ribeira ou Isla de la Toja.
Entende que se trata dunha "falta de respecto" ás normas establecidas en materia lingüística e que, nalgúns casos, son formas toponímicas "totalmente esperpénticas", incluso "propias da ditadura de Franco".
A deputada reclama que na sección de Marítimo, pulsando as Capitanías Marítimas, se usen as formas toponímicas oficiais: Laxe, Ferrol, Baiona, A Guarda, Santa Uxía de Ribeira, Pobra do Caramiñal, O Grove, Illa da Toxa e Sanxenxo.
Ademais, En Marea pide que se remate "definitivamente" con este tipo de situacións e que Fomento proceda a realizar unha revisión a fondo da web, da documentación e de anuncios porque son habituais os incumprimentos nesta materia.
O Goberno, engadiu a deputada, debería remitir a todos os organismos do ministerio e a toda a súa estrutura o nomenclátor oficial de Galicia que está recollido na páxina web da Xunta "como a forma de evitar as deformacións da nosa toponimia".