O Goberno confirma que non hai procesos administrativos abertos contra o escudo franquista da Audiencia
Por Redacción
O Goberno do Estado respondeu a unha pregunta de En Marea afirmando que non existe ningún proceso administrativo aberto contra o escudo franquista situado na porta da sede da Audiencia Provincial de Pontevedra.
Do mesmo xeito asegura que continuará apostando pola retirada de toda simboloxía franquista, iniciando procedementos sancionadores recollidos na Lei de Memoria Histórica.
Dende En Marea lembran que pasadas catro décadas do fin da ditadura e con corenta anos de vida en democracia, "de xeito inexplicable", en Pontevedra persiste xusto no lugar onde se imparte a xustiza un escudo "que se debe considerar como toda unha afronta á memoria das vítimas do réxime franquista e, á vez, todo un despropósito histórico e democrático necesario de reparar".
Esta formación política lembra que en xullo de 2006 entrou en vigor a Lei de Memoria Histórica, que establece que os escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación persoal do levantamento militar, da represión ou da propia ditadura deberán ser retiradas dos edificios e espazos públicos.