Luz Santiago preséntase ás primarias do Partido Socialista de Marín
Por Oskar Viéitez
A actual secretaria xeral do Partido Socialista de Marín, Luz Santiago, anunciou que "despois dunha profunda reflexión" este mércores presentou a súa precandidatura ás primarias do PSdeG-PSOE "para tentar liderar outra vez un proxecto socialista en Marín que poida competir nas próximas eleccións municipais de maio do 2019".
Luz Santiago explicou que se trata de "unha aposta persoal moi meditada" para a que consultou a compañeiros da agrupación e tamén "con referentes da nosa vila afíns a unha sensibilidade socialista".
Segundo Luz Santiago e facendo súas as palabras do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, "somos un partido forte, rearmado e unido, fronte a un PP que está en España afundido e en Galicia tocado".
Ademais cre que tamén Marín o Partido Socialista está "nunha situación excepcional para conseguir novamente a alcaldía", un labor para o que asegura "temos un gran equipo e temos as ideas necesarias".