Marín reclamará o 25-N abolir a prostitución e non regular a maternidade subrogada
Por Alejandro Espiño
O Consello Municipal da Muller, reunido este martes en Marín, acordou o manifesto que se lerá durante os actos de conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Fíxoo tras as achegas realizadas polos vogais deste órgano consultivo, formado por un membro de cada partido político da corporación, persoal técnico do CIM e dos servizos sociais municipais, así como diferentes asociacións veciñais e sociais.
Así, entre outras cuestións, acordouse incluír, xunto coas recomendacións de organismos internacionais, reclamar ao Goberno a abolición da prostitución ou posicionarse en contra da regulación da maternidade subrogada -os coñecidos como ventres de aluguer- en España.
Ademais, o manifesto sinalará a responsabilidade das administracións á hora de ofrecer fondos económicos e medios para que as mulleres vítimas da violencia machista dispoñan dunha calidade de vida adecuada para saír da súa situación ou a importancia crave da educación en igualdade en todos os axentes sociais.
Os membros do Consello Municipal da Muller tamén decidiron de maneira unánime outorgar os premios municipais Lazo Violeta 2018 á sensibilización e intervención veciñal nos casos de violencia de xénero detectados e, de forma simbólica, ás mulleres que sofren ou sufriron episodios de violencia machista.
Os premios entregaranse o 25 de novembro no salón de plenos do Concello, tras o cal a conmemoración continuará na Praza 8 de Marzo con actividades públicas.