Xa están aquí as festas do outono: os magostos e os calacús
Por Redacción
As prazas da Pedreira (Mugartegui), da Verdura e da Curtidoira serán escenarios das actividades lúdicas nas que a concellería de Dinamización Sociocultural e Festas desenvolverá as súas propostas festivas de outono.
A Asociación Cultural Trépia celebrará o seu décimo aniversario o 27 de outubro cun magosto con foliada na praza da Mugartegui. A festa iniciarase ás 21.00 horas. Unha hora antes comezarán os xogos para os menores coa ambientación da contorna e o asado das castañas, que se prolongará ata máis aló da media noite.
A escola de música de Trépia ofrecerá as súas habilidades de gaita, pandeireta e pandeiro a todos os asistentes durante esa xornada a partir das 22.00 horas.
O 31 de outubro chegará a cita da noite dos Calacús na praza da Verdura con propostas ao redor das calabrazas e do samaín destinado a escolares. As actividades comezarán as 18.00 horas.
O 10 de novembro, celebrarase o magosto na praza da Curtidoira. A asociación de veciños de Eduardo Pondal repartirá 200 quilos de castaña e 80 de chourizo. As actividades inícianse ás 18.00 horas e estenderanse ata as 21.30 horas con talleres e xogos destinados aos máis pequenos. A música correrá a cargo do grupo de gaitas e pandeiretas do Gorgullón.