O informe do Observatorio Urbano sinala que Pontevedra presenta "datos negativos" en benestar e saúde
Por Oskar Viéitez
O adianto do informe correspondente ao ano 2017 do Observatorio Urbano de Pontevedra amosa "datos negativos" no relativo a benestar e saúde. Así, rexístranse de novo como a porcentaxe de recursos humanos en servizos de atención primaria por cada mil habitantes, 2,32, a sexta peor das cidades galegas; ou a porcentaxe de entidades de servizos sociais por cada mil habitantes, 0,76, a peor porcentaxe das sete.
A Boa Vila mantén, con todo, a primeira posición comparativa nos principais indicadores de poboación, segundo salientou o profesor Pedro Figueroa na presentación dos primeiros resultados do documento que elabora o grupo de investigación G4 Plus, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, no marco dun convenio de colaboración co Concello.
Con respecto aos indicadores de poboación, Figueroa incidiu tamén en que Pontevedra mantén, respecto a exercicios anteriores, unha "primeira posición comparativa" en eidos como o crecemento vexetativo, xa que a pesares de que a poboación descendeu en 112 persoas o pasado ano, este foi o mellor dato, en termos porcentuais, das sete cidades.
O informe tamén recolle unha "evolución negativa, perdendo posicións comparativas" na evolución da poboación menor de 4 anos, un 13,6% menos que no exercicio anterior, aínda que no refererido á media de idade das nais á hora de ter o seu primeiro fillo, case 32 anos, e o número de fillos agardados, 1,15, Pontevedra sitúase en terceira posición.
Sobre as sete cidades galegas, Pontevedra continuou sendo en 2017 a que presentaba unha idade media máis baixa, de 43,5 anos, a que conta coa porcentaxe de poboación de entre 0 e 20 anos máis elevada, o 19%, e a urbe na que a porcentaxe de poboación de máis de 64 anos, o 19,3%, é menor. Estes son algúns dos datos recollidos
A concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, salientou que este informe é un "instrumento rigoroso" para análise "con datos obxectivos" da situación do concello. Entre outros reseñou que houbo unha redución xeral da creación de novas empresas e sociedades mercantís no conxunto do estado, que tamén se dá, de xeito "importante", en Pontevedra, cun descenso do número de altas de preto do 6%, o peor das sete cidades.
Pola contra, foi a urbe que rexistrou unha mellor evolución no número de empresas dadas de baixa, que descendeu un 16%, o que fixo posible que en 2017 "o saldo fose positivo", converténdose Pontevedra na primeira das sete cidades en permanencia das empresas.
Con respecto aos datos do paro, o número de persoas en busca de emprego na cidade baixou un 11,4% o pasado exercicio e un 29% nos últimos cinco, descenso que, non obstante, "comparativamente é menor que no resto das cidades", situándose Pontevedra en cuarta e quinta posición nestes indicadores; o que tamén aconteceu na evolución das afiliacións á seguridade social, que aumentaron un 7,7%, pasando a cidade de ocupar o primeiro posto nesta comparativa a situarse en cuarto lugar.
O informe tamén recolle que se ben os datos sobre ingresos medios amosan unha "evolución positiva" e a taxa de risco de pobreza, do 16,7% é a segunda mellor das cidade galegas, a percepción da cidadanía "non se corresponde con eses datos", xa que máis do 22% dos fogares aseguran "chegar a finais de mes con moita dificultade".