O goberno local non ve "oportuna" a parcela municipal de 12 de Novembro para crear un aparcadoiro disuasorio
Por Anxo Lourido
A comisión de Mobilidade debatía este martes a proposta do grupo municipal socialista de crear un aparcadoiro disuasorio na parcela municipal situada entre as rúas Eduardo Pondal e 12 de Novembro. A proposta do PSOE, apoiada por Cidadáns, foi rexeitada cos votos en contra do grupo de goberno do BNG e coas abstencións do Partido Popular e de Marea Pontevedra.
O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, xustificaba esta decisión en que ao goberno local non lle parece a parcela máis "oportuna" aínda que recoñecía que a política de crear aparcadoiros disuasorios funciona.
Sinalaba que os actuais, con máis de 2.100 prazas de estacionamento, funcionan correctamente. Pero indicou que no último habilitado, creado nunha parcela da antiga Tafisa, o uso está a ser baixo. Entende que, por tanto, hai que estudar con calma onde se crean estes estacionamentos e sinalou que igual non é necesaria unha alternativa de aparcadoiro nesa zona do entroncamento entre Eduardo Pondal e A Parda.
REACCIÓN DO PSOE
Para o portavoz do grupo municipal socialista, Tino Fernández, este rexeitamento demostra que o goberno do BNG está moi "desnortado" e sinala que o alcalde Lores atópase encerrado na súa torre de marfil e cada vez está máis lonxe dos problemas cidadáns.
Os socialistas entenden que esta parcela municipal é un espazo moi aproveitable para favorecer o aparcadoiro. Tino Fernández afirma que a única razón para esta negativa é que primen os intereses de negocio de empresas privadas por encima dos intereses da veciñanza de Pontevedra.
Os socialistas lembran que o Concello debe facilitar a vida ás persoas e apuntan a que o uso do coches para moitos é unha necesidade.
A moción será debatida no próximo pleno da corporación municipal.
Relacionadas:
-
Valdecorvos contará con un aparcamento disuasorio con capacidade para 200 vehículos
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello transforma o aparcamento de Uxío Novoneira en servizos
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra abre ao público as 350 novas prazas de aparcadoiro nos antigos terreos de Tafisa
Por Redacción |
-
A ONCE renuncia a construír o novo Centro de Recursos educativos nos terreos de 12 de novembro
Por Redacción |