Pontevedra xunta estudantes de cinco países europeos que colaboran nun proxecto sobre emigración
Por Redacción & Mónica Patxot
Medio cento de mozos e mozas de cinco países europeos, entre eles alumnos do instituto Luis Seoane de Pontevedra, traballan de maneira conxunta nun proxecto comunitario sobre o impacto da emigración na xuventude.
Xunto cos rapaces do centro pontevedrés, participan alumnos de Alemaña, Portugal, Romanía e Grecia. Todos eles están a pasar unha semana na cidade e foron recibidos na Casa da Luz pola concelleira de Educación, Carmen Fouces.
O proxecto, que nace ao abeiro do programa Erasmus+, está coordinado por Alemaña. Ten unha duración de dous anos e inclúe a mobilidade dos participantes polos distintos centros implicados, onde traballarán aspectos sectoriais.
Os centros que participan son o Gymnasium Neue Oberschule (Alemaña), o EBI Francisco Ferreira Drummond-Açores (Portugal), o Colegiul Economic Buzau (Romanía), o IES Luis Seoane (España) e o 3 Gymnasio Kalamatas (Grecia).
Os rapaces e rapazas visitantes, de 14 e 15 anos, convivirán durante unha semana en Pontevedra co IES Seoane como anfitrión.
Nese tempo analizarán as dificultades legais que enfrontan os migrantes para acceder á educación ou á sanidade, ou os factores de atracción e repulsión dos países cara a emigración.
A sección pontevedresa do proxecto está coordinado pola profesora Henar Rodríguez.
Pontevedra é a terceira parada dos estudantes. Antes estiveron en Portugal e Grecia, onde traballaron sobre a emigración no pasado e a emigración no presente: os refuxiados. Por diante quedan as estancias en Romanía e Alemaña.
Relacionadas:
-
Felicitación europea para as profesoras do IES Valle Inclán implicadas no programa europeo 'eTwinning'
Por Redacción |
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: A tradición viquinga une Catoira e Dundalk
Por Marisa Ciordia |
-
O programa Erasmus mobilizou en 20 anos máis de 1.200 estudantes do campus de Pontevedra
Por Redacción |