Ángel Moldes esixe dimisións polo campionato de motonáutica que se foi a Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
O voceiro do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, pediu este luns a "dimisión inmediata" do alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a súa concelleira de Deportes, Marga Caldas, despois de que a Federación Galega de Motonáutica comunicase que a proba do Campionato de España de Motonáutica "Endurance Class B", coñecida como a "F1 do Mar", cuxa celebración estaba prevista en Raxó a mediados de agosto, finalmente terá lugar os días 27 e 28 de outubro en Sanxenxo.
O voceiro popular recorda que a proba non se celebrou en Poio "unica e exclusivamente pola incompetencia de Luciano Sobral e Marga Caldas", despois de que non entregasen a aportación comprometida, de só 4.700 euros.
Os populares reprochan "as mentiras e falsas excusas de Caldas na súa comparecencia ante o pleno", e aseguraron que a concelleira nacionalista, "lonxe de facer ningunha clase de autocrítica ou asumir responsabilidades, mantivo unha actitude chulesca e cargou contra a oposición, os organizadores e mesmo os medios de comunicación".
Acusan ao goberno local de facerlle perder ao concello eventos de "gran impacto" deportivo, mediático e económico xa que o Campionato de España en 2018 conleva participar no Mundial de 2019, pero sobre todo "por mentirlle e faltarlle ao respecto aos veciños".