Feijóo revela a Lores que a Xunta negocia a reapertura do antigo asilo como residencia de maiores
Por Redacción
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantiveron este luns unha reunión nun ambiente distendido e de entendemento na que abordaron todos os proxectos que ten en tramitación ou xa en marcha o goberno galego no municipio e da que o rexedor pontevedrés saiu coa noticia de que está máis preto o momento de que a cidade incremente as prazas dispoñibles para residencia de terceira idade.
Lores compareceu en Pontevedra ao seu regreso da reunión celebrada en Santiago e indicou que Feijóo lle revelou que a Xunta de Galicia "está negociando" coas monxas da comunidade relixiosa das 'Hermanitas de los Ancianos Desamparados' a reapertura do antigo asilo que tiñan na rúa Loureiro Crespo.
Según explicou Lores, Feijóo deulle a coñecer que o anterior conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, "estaba falando" para a reapertura do centro como residencia de maiores e que a nova responsable, Fabiola García, prevé retomar as negociacións.
Ademais, o presidente da Xunta reiterou ao alcalde o compromiso do seu goberno coa apertura dunha nova residencia nas instalacións actuais do Hospital Provincial unha vez que rematen as obras do Gran Montecelo. Ao respecto, Feijóo explicou que van adecuar unha parte das instalacións hospitalarias para unha nova residencia con 120 novas prazas públicas.
Lores quixo "valorar positivamente" o contido da reunión e tamén o feito de que Feijóo tivera ese encontro con el e co concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, "en pouco tempo" tras a petición oficial do mesmo.
Lembrou que nos anos pasados non era así, de modo que o feito de que haxa entendemento e compromisos en firme de investimentos son cuestións a valorar. Aínda que "no estamos contentos como unhas castañuelas", aplaude o bo talante e destaca que "teño que valorar as cousas positivamente".
Feijóo e Lores compareceron xuntos antes os medios de comunicación en Santiago e destacaron que segue adiante o compromiso da Xunta de contratar a obra do Gran Montecelo antes de que acabe o verán de 2019 e que xa está "en marcha" a tramtiación do Plan Sectorial.
O presidente galego tamén reiterou o compromiso de que o novo edificio xudicial da Parda estará rematado na primeira metade do ano 2019 e que a reforma da antiga sede da Xunta na rúa Benito Corbal entregarase en cuestión de meses.
Ao respecto, Lores indicou que a Xunta, en principio, non cumprirá a petición do Concello de que lle ceda un piso deste edificio para uso municipal, que pretendía destinar ao proxecto de Campus Crea que teñen coa Universidade de Vigo, porque xa non terán espazos dispoñibles. En caso de que finalmente quede algún oco, negociarase.
Entre os asuntos abordados polos dirixentes autonómico e local figuraba a obra da variante de Alba. Feijóo destacou: "temos acordo no proxecto, no trazado e tan só nos queda un permiso do Ministerio de Fomento para enlazar a variante coa nacional".
Lores, pola súa parte, lembrou que o proxecto polo que aposta a Xunta non é polo que apostaba o Concello, pero que, chegados a este punto, "non imos poñer ningún tipo de problema para que se execute".
Este proxecto, segundo Núñez Feijóo, recibirá un impulso en 2019 do mesmo xeito que outros compromisos da Xunta para Pontevedra como a estación intermodal, que se licitará "de maneira inmediata"; ou o novo pavillón de ximnasia deportiva, para o que os orzamentos autonómicos inclúen unha partida para "comezar a darlle forma".
O presidente do goberno galego trasladou ademais á necesidade de que o Concello faga unha aposta polo transporte urbano e metropolitano. "Imos concretar, de mutuo acordo, cales son as rutas que son precisas", afirmou, .
Ao longo da súa intervención, Feijóo resaltou que o saneamento da ría de Pontevedra é unha actuación "inaprazable": por razóns legais, porque podería implicar risco de multa por parte da UE; por razóns ambientais e por razóns económicas, porque recordou que en toda a ría hai aproximadamente 1.000 familias que viven do marisqueo e da acuicultura.
O presidente da Xunta sostivo que o mellor emprazamento para a depuradora é manter o que ten agora e avanzou a licitación de forma inmediata e conxunta de dúas obras: o acondicionamento e a modernización tecnolóxica da depuradora de Praceres e a construción dun novo emisario submarino para complementar os labores de saneamento.
Non obstante, o responsable do goberno galego trasladou o plantexamento dos técnicos de augas sobre a necesidade, a medio prazo, dunha ampliación da depuradora. E, a tal efecto, incidiu na disposición da Xunta de manter as canles abertas co Concello para que a posible ampliación afecte o menos posible os veciños.
Relacionadas:
-
Un familiar do rei emérito, interesado en converter o antigo asilo nunha residencia de estudantes
Por Alejandro Espiño |
-
Que está a pasar coa corta masiva de árbores nos xardíns do antigo asilo?
Por María José Pita |
-
O Concello lémbralle á Xunta que xa fai seis meses que lle ofreceu terreos para unha residencia de maiores
Por Natalia Puga |
-
A Xunta solicita ao Concello un terreo para construir unha residencia de maiores
Por Oskar Viéitez |
-
Convocan un concurso de ideas para reconverter o Provincial nunha residencia de maiores
Por Alejandro Espiño |
-
Os socialistas levan ao Parlamento once "propostas básicas" para Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta de Galicia intensifica os coidados no fogar para as persoas maiores con dependencia que viven en Pontevedra
Por Redacción |
-
Marea Pontevedra tamén quere recuperar o asilo como residencia pública para maiores
Por Redacción |
-
Os veciños de Lourizán advirten que seguirán mobilizándose ata que a Xunta descarte ampliar a EDAR
Por Oskar Viéitez |
-
Lores poñerá sobre a mesa de Feijóo cinco posibles terreos para construír unha residencia da terceira idade
Por Natalia Puga |
-
O novo edificio xudicial de Pontevedra, en abril de 2019
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |