Tres condutores pontevedreses, condenados por conducir baixo os efectos do alcohol
Por Alejandro Espiño
Tres xulgados de Pontevedra, un penal e dous de instrución, comunicaron as respectivas condenas que recibiron outros tantos cidadáns da Boa Vila por conducir baixo os efectos do alcol e causar desfeitas no mobiliario público.
O primeiro dos casos remóntase ao pasado 28 de maio. A Policía Local deu o alto a un condutor que fixo caso omiso ás indicacións e protagonizou unha fuxida temeraria por José Malvar, Pai Gaite, Perfecto Feijóo e Lepanto, onde chocou cun coche policial.
Tras dar positivo, o xulgado do penal número 2 de Pontevedra impúxolle seis meses de prisión, dous anos e tres meses sen permiso de conducir e unha multa de 1.080 euros por dous delitos contra a seguridade do tráfico, pola súa condución temeraria e a súa alcoholemia. Ademais, deberá abonar 1.643 euros polos danos provocados á patrulla da Policía Local.
Pola súa banda, un segundo condutor deu positivo por alcoholemia o pasado 22 de xullo na zona de San Amaro. Foi condenado a 22 días de traballos en beneficio da comunidade, a oito meses sen carné de conducir e a pagar 1.328 euros polos danos que provocou co seu coche nun farol do barrio.
Sete días despois, o 29 de xullo, foi interceptado o terceiro dos condutores condenados. No seu caso, foi sorprendido polos axentes na Seca ás sete e media da madrugada.
Imputóuselle un delito contra a seguridade viaria, polo cal acaba de ser condenado a oito meses sen permiso de conducir, a unha multa de 600 euros e ao pago doutros 954 euros, polos danos causados a un farol da zona.