Noites Abertas busca propostas novidosas para celebrar o seu vinte aniversario
Por Redacción
O programa Noites Abertas, que desde hai vinte anos ofrece propostas lúdicas para a mocidade entre os 12 e os 30 anos, regresará con forza. De cara a súa vixésima edición, que comezará o 25 de xaneiro, abriu o prazo para presentar os proxectos que integrarán a súa programación.
Os interesados terán de prazo ata o 31 de outubro. Por vez primeira poderanse presentar os proxectos on-line, a través de da páxina web oficial http://noitesabertas.gal, que tamén está aberta para facer suxestións de cara á organización.
Ao longo do mes de novembro, a coordinación do programa fará a selección de proxectos e comunicará esta selección ás persoas ou entidades responsables. Os admitidos integrarán a programación final que se coñecerá logo do Nadal.
Os proxectos que se presenten a Noites Abertas deberán ser inclusivos, non sexistas, lúdicos e participativos, favorecendo as relacións interpersoais e o traballo en grupo; terán que ter en conta que non son cursos, é dicir, non se poden programar durante varios meses; ou deben desenvolverse en horario nocturno e na fin de semana.
Ademais, deben ter carácter socioeducativo (educación para a igualdade, ambiental, saudable..), sociocultural (promoción da cultura galega, da interculturalidade e diversidade cultural, arte, música, teatro, xogos, gastronomía...) ou físico-deportivo.
Noites Abertas naceu no ano 1999 ante a necesidade de dispoñer dunha oferta de balde de ocio educativo e construtivo para a mocidade de Pontevedra, un espazo alternativo para a diversión e para a aprendizaxe con actividades construtivas, lúdicas e interactivas.