Moraña sinalizará enclaves de interese patrimonial e cultural para promocionalos
Por Redacción
Un total de 18 espazos de relevancia e interese xeral, entre os que se atopan igrexas, capelas, carballeiras centenarias, xardíns ou enclaves con gran potencial turístico serán sinalizados polo Concello de Moraña para achegar información a veciños e visitantes.
A actuación impulsada polo goberno local, que vai beneficiar ás nove parroquias do concello e será executada nas vindeiras semanas, consiste na instalación dunha infraestrutura co formato de mesa-atril elaborada con materiais resistentes á intemperie e ao vandalismo e integrada na contorna destes espazos nos que existen bens patrimoniais de valor histórico-cultural.
Ademais, completarase cun vinilo en impresión dixital onde figurará a información.
Con motivo deste proxecto, a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, comezou na igrexa de Gargantáns, unha xeira de visitas por todos os espazos incluídos neste proxecto para comprobar que o punto determinado de colocación deste mobiliario é o axeitado e non vai interromper o tránsito peonil nin causar trastornos en cada contorna.
Os 18 bens patrimoniais que se van sinalizar son as igrexas de Santa Xusta, Santa Cruz de Lamas, San Martiño de Laxe, San Salvador de Saiáns, San Lourenzo, Cosoirado, San Mamede de Amil, San Pedro de Rebón e San Martiño de Gargantáns, a antiga Escola de Santa Xusta, as carballeiras de Santa Xusta e Corrigatos, o Parque da Bouza, as fontes de Santa Xusta e Rozavella, as capelas de Santa Margarida e dos Milagres de Amil e os Muíños das Laxes.
En total, vanse investir máis de 6.100 euros que sairán dunha subvención da Deputación de Pontevedra. O proxecto estará executado antes de final de ano.