Cerdedo-Cotobade mellora a conexión entre Xesteira e Almofrei coa PO-233
Por Redacción
Os traballos para o ensanche e mellora integral da conexión entre os lugares de Xesteira e Arrotea, na parroquia de Almofrei, coa estrada autonómica PO-233, que conecta Bora coa capital municipal de Carballedo, xa están en marcha.
Esta actuación é a máis importante das proxectadas polo goberno local na parroquia de Almofrei. A mellora desta conexión, coñecida popularmente como pista de Arrotea e moi empregada pola veciñanza, conta cun orzamento de 77.000 euros que van ser financiados coa partida do Plan Marco de Mellora de Camiños da Xunta de Galicia.
As obras comezaron cos movementos de terras e as escavacións para proceder posteriormente á ampliación da vía en diversos puntos caracterizados pola súa estreitez.
Ademais, construiranse muros de contención para garantir a seguridade e pasos salvafoxos, ao tempo que se procederá á renovación completa da pavimentación.
Jorge Cubela considera que se trata dunha obra fundamental para a mobilidade da parroquia ao unir os seus dous núcleos máis habitados e facilitar tanto a conexión entre eles como o acceso á estrada autonómica.
Ademais, o presidente municipal lembrou que a parroquia tamén se está a beneficiar nestes meses doutras importantes obras, como a fase final do saneamento de Arrotea, xa rematada, ou a reforma integral da Casa do Pobo, actualmente en marcha cun investimento superior aos 30.000 euros.