Ponte Caldelas ofrece aos seus maiores un programa para non pasar sós o Nadal
Por Redacción
Que ningún maior, se quere, non pase só as festas do Nadal. É o obxectivo dun programa de ámbito autonómico no que colabora o Concello de Ponte Caldelas, para que os maiores do municipio pasen eses días en compañía con estancias nas residencias de tempo libre.
A Ponte Caldelas, ao igual que a toda a provincia, correspóndelle a residencia do Carballiño.
O goberno local súmase así a un movemento social para que os maiores dispoñan de opcións para gozar da cea de Noiteboa ou Noitevella, así como os días de Nadal, Aninovo e Reis, dado que as estancias están programadas entre os días 23 de decembro e o 7 de xaneiro de 2019.
O Concello é consciente de que hai bastantes persoas que residen soas no rural e teñen dificultades para desprazarse, polo que vanse illando socialmente. Moitas delas son persoas que perderon o seu cónxuxe e máis nun municipio cunha alta proporción de familias con emigrantes, como Ponte Caldelas.
A estancia na residencia cubre todos os gastos, incluído o desprazamento en autobús. O aloxamento será en habitacións compartidas e a manutención a pensión completa. As persoas beneficiarias gozarán de actividades de animación sociocultural.
Para participar é necesario ter 60 anos cumpridos, estar empadroado en calquera concello galego, vivir só ou ter que pasar sen compañía as festas do Nadal, valerse por si mesmo e non padecer enfermidades contaxiosas, trastornos mentais ou condutuais graves.
As solicitudes deben presentarse ata o próximo día 15 de novembro nos servizos sociais do Concello de Ponte Caldelas.